A FEG denuncia que a Xunta promova a contaminación electromagnética nas aulas A Federación Ecoloxista Galega (FEG) vén de iniciar unha campaña baixo o título “Wi-Fi nas aulas? Internet mellor por cable”. Consiste no envío dun dossier informativo aos centros de ensino, asociacións de pais e nais e as seccións sindicais de ensino, ademais de solicitar unha entrevista na Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, ante a obriga no actual curso académico da conexión a internet por vía Wi-Fi nas aulas de 5º de Primaría e 1º da ESO seleccionadas para participar no Proxecto Abalar da Xunta de Galicia, que pretende informatizar as aulas. O colectivo ecoloxista afirma que a conexión sen fíos nos centros escolares obvia o “principio de precaución” proposto polo Parlamento Europeo na súa Resolución de 2 de abril de 2009.
Os ecoloxistas apostan pola conexión a Internet mediante cableado de cobre ou fibra óptica, xa que non suporía unha exposición reiterada á contaminación electromagnética, proporcionando mellor cobertura e velocidade e sen os problemas de interferencias e seguridade da información propias do Wi-Fi.
A Federación Ecoloxista Galega propón declarar os centros de ensino coma “zonas brancas” libres de contaminación electromagnética nas que prime o cableado no canto de Wi-Fi (xa recomendado en Alemaña pola súa Oficina Federal para a Protección contra as Radiacións e o propio Ministerio de Medio Ambiente), que o recinto escolar estea libre de móbiles en menores de 14 anos (xa aprobado en Francia no 2010) e que a Administración promova campañas de uso razoable deste tipo de teléfonos (na liña marcada pola Resolución do Parlamento Europeo do 2009).
A FEG tamén solicita o coñecemento público do punto no que se atopa o despregamento de sistemas Wi-Fi no Proxecto Abalar, así como dos sistemas de medición de emisións e avaliación da evolución sanitaria e académica da comunidade escolar deseñados para cada centro que manteña o sistema de conexión a Internet por Wi-Fi.
No hay comentarios:
Publicar un comentario